Tech Kids: Ciberseguranza Kids (III Edición)
Impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e/ou en colaboración con outros organismos.
Xornadas de divulgación sobre ciberseguridade para nenos e nenas a través de actividades en formato contacontos.
O programa Tech Kids é unha iniciativa da Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que ten por obxectivo formar aos máis novos e novas no eido da ciberseguridade a través de actuacións lúdicas.
No marco deste Programa impúlsase a III Edición das xornadas Ciberseguranza Kids, un conxunto de charlas en formato contacontos cun carácter dinámico e participativo que achegan aos centros de ensinanza os valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet coa divulgación da ciberseguridade entre os máis pequenos.
Nas sesións mestúranse a narración coa ilustración, creando unha historia na que dun xeito lúdico se informe ao alumnado sobre a ciberseguridade e os perigos da rede. O conto empregado nas sesións estará dispoñible en formato dixital para a súa descarga.
Ademais, a través dos contacontos incidirase no fomento das vocacións STEAM entre os nenos e nenas, especialmente entre estas últimas, que contarán con referentes femininas entre o contido didáctico empregado nas sesións.
Este 2023 organizaranse ata 28 xornadas formativas presenciais en centros de ensinanza galegos nas localidades de Zas, Santiago, O Carballiño, Maside, Boborás, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Reis, O Grove, Cambados, Lalín, Lugo, Rábade, Castrelo de Miño, Cartelle, Vigo, Ribeira, Curtis e Aldán, entre outras. Ademais, celebrarase unha sesión contacontos no Centro GaiásTech, situado na Cidade da Cultura de Santiago.
- Datas de celebración: Do 28 de setembro ao 31 de outubro do 2023.
- Xornada no GaiásTech: 26 de outubro do 2023.
Esta actividade encádrase no convenio de colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega.
Nenos e nenas de 3 a 12 anos.