Encontros con Profesionais TIC
Impulsado polas empresas colaboradoras
Xornadas online entre rapaces e rapazas e profesionais TIC en torno a temáticas como os videoxogos, animación 3D, robótica, cidades intelixentes, coches autónomos e internet das cousas, entre outras.
O programa “Encontros con Profesionais TIC ”, impulsado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), consiste na celebración de 30 encontros en streaming entre un profesional TIC e un grupo de 12 rapaces e rapazas de 6 a 18 anos, que poderán interactuar co relator e con calquera dos asistentes. Ademais, o resto de persoas inscritas poderán seguir as charlas a través da canle de YouTube “CPEIG VIDEOS” (https://www.youtube.com/user/CPEIGcanalvideo) e no Facebook do CPEIG (https://www.facebook.com/CPEIG), aínda que só os rapaces participantes e os profesionais TIC poderán intercambiar impresións e dúbidas durante os encontros.
Temáticas: axencias dixitais, publicidade en internet, internet das cousas, coches autónomos, asistentes de voz, cidades intelixentes, deporte e tecnoloxía, empresa na nube, robótica, animación 3D ou videoxogos.
Profesionais TIC participantes: expertos, a maioría deles colexiados e colexiadas do CPEIG, creadores de personaxes 3D, deseñadores de videoxogos, expertos en intelixencia artificial, investigadores e enxeñeiros de software e hardware, especialistas en industria 4.0, expertos en seguridade informática, peritos informáticos, xerentes de tendas de comercio ou directivos de empresas tecnolóxicas.
Esta actividade encádrase no convenio de colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega e enmarcado na Axenda Dixital de Galicia 2020.
Nenas e nenos de 6 a 18 anos