Conectando Xeracións coa tecnoloxía - DigiTalent
Impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Certame de creación de contidos audiovisuais e/ou tecnolóxicos: vídeos curtos, musical e audioblog.
O programa “Conectando Xeracións coa tecnoloxía”, impulsado pola Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), consiste en varios concursos de creación de contidos audiovisuais ou tecnolóxicos para fomentar a conexión entre xeracións, especialmente entre netos/as e avós e avoas aínda que non é necesario que exista un vínculo familiar entre os participantes.
Os proxectos poderanse presentar en tres categorías: vídeos curtos dun máximo de tres minutos, musical e audioblog, creados de forma conxunta entre nenos e avós nos que poderán contar unha anécdota, unha historia do pasado ou calquera outra cuestión creativa que lles xurda, é dicir, a temática será aberta.
A finalidade é demostrar que a tecnoloxía tamén nos une, potenciando o uso de diferentes ferramentas ou soportes tecnolóxicos que permiten manter en contacto a persoas maiores cos seus netos/as, especialmente en situacións de distanciamento social como consecuencia da covid-19, e procurar a redución da fenda xeracional.
Prazo de presentación: ata o 20 de outubro.
Envío dos proxectos
Os proxectos poderanse compartir a través de calquera ferramenta de transferencia de arquivos tipo Wetransfer ou Dropbox, facendo o envío ao correo electrónico conectandoxeracions@cpeig.gal, indicando no asunto “Premio Conectando Xeracións + categoría escollida”.
Selección dos gañadores e premios
A dotación do premio é de dúas tablets de 10 pulgadas para cada unha das categorías do concurso. O xurado estará composto por cinco membros da xunta de goberno do CPEIG, o seu presidente, o secretario e tres vogais. O fallo publicarase no portal do colexio profesional, https://www.cpeig.gal/, e nas súas redes sociais (Facebook e Twitter: @CPEIG).
Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital.