A sétima edición do programa Tecnólog@ por un día súmase ao catálogo de actuacións do Plan DigiTalent no derradeiro trimestre do 2022

- O período de inscrición do alumnado permanecerá aberto do 13 de outubro ao 2 de novembro
- As visitas inmersivas nas empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa terán lugar durante novembro e decembro
- Esta actuación forma parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent, incluída nas previstas para o último trimestre de período 2021/2022
O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia arrinca a recta final do ano cunha decena de actuacións planificadas para todas as idades e perfís.
Entre elas, destaca o lanzamento dunha nova edición do programa Tecnólog@ por un día, na que o alumnado de secundaria e bacharelato poderá entrar en contacto coas profesións científico-tecnolóxicas da man de expertos e profesionais de grandes empresas do sector TIC de Galicia. Unha vez mais, poderán desfrutar dunha experiencia inmersiva no sector tecnolóxico galego durante unha xornada de traballo, achegándose a proxectos reais nas instalacións das empresas colaboradoras do programa.
Deste xeito, Tecnólog@ por un día volve a ofrecer aos mais novos e novas unha oportunidade única para coñecer dun xeito práctico as ferramentas, capacidades e coñecementos coas que contan os novos perfís dixitais e resolver as súas inquedanzas sobre as profesións STEAM, co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas.
Inscricións a través dos centros educativos
Dende o 13 de outubro o persoal docente dos centros educativos pode comezar a inscribir ao alumnado interesado na iniciativa, optando a unha das máis de 50 prazas dispoñibles para visitar os centros de traballo das empresas TIC colaboradoras ou a sede da Amtega e o GaiásTech.
O espazo de Tecnólog@ por un día na web DigiTalent pon a disposición dos docentes un formulario de solicitude de inscrición. Neste espazo, ademais, docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras poderán atopar para consulta e descarga toda a documentación de referencia sobre esta actividade, así como as instrucións para participar e a listaxe de prazas dispoñibles ás que o alumnado poderá optar segundo a súa preferencia, grupo de idade ou localización.
Un día na empresa
Tras a finalización do período de inscrición, celebrarase un sorteo público para a asignación das prazas. A partir do 7 de novembro, os docentes recibirán no enderezo electrónico sinalado no formulario de inscrición unha comunicación co resultado do sorteo e os pasos a seguir.
A partir deste momento, as empresas colaboradoras contactarán co alumnado para fixar a data e o horario das xornadas. Durante os meses de novembro e decembro terán lugar as visitas ás instalacións de Altia, DXC Technology, NTT Data, Satec, Televés e a propia Amtega, onde o alumnado poderá participar en tarefas e actividades propias da xornada laboral dos profesionais voluntarios e formar parte das reunións de equipo, as visitas aos clientes ou as comidas de traballo.
Máis actividades durante o último trimestre do ano
Durante este outono, a Amtega seguirá a impulsar o talento dixital na nosa comunidade cun catálogo de máis de dez actuacións previstas para os meses de outubro, novembro e decembro. Para o seu desenvolvemento, contará coa colaboración dos Colexios e Asociacións do eido tecnolóxico de Galicia e das empresas asinantes do Pacto Dixital.
Así, destinadas á infancia e adolescencia, o catálogo do Plan acolle o VII Scratch Day, unha actividade lúdico-formativa na que familias e docentes poderán iniciarse na programación coa tecnoloxía Scratch de xeito interactivo.
Os centros educativos tamén teñen o seu espazo neste trimestre. Así, no mes de outubro dará comezo a II Edición de Ciberseguranza Kids, que percorrerá os centros escolares de Galicia achegando a ciberseguridade aos mais cativos a través de xornadas lúdicas e divulgativas en formato contacontos da man do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). No marco desta actividade publicarase unha nova entrega do conto dixital ilustrado co que os nenos e nenas poderán seguir desfrutando nos seus fogares coas aventuras de Sofía e acompañala nas súas investigacións sobre a navegación segura na Internet. O conto empregado nas sesións estará dispoñible para descarga proximamente na web DigiTalent, xunto coa súa primeira edición.
Pola súa banda, Altia Consultores continúa ofrecendo aos centros educativos a oportunidade de realizar Visitas ás instalacións do Data Center da empresa situado en Vigo, que conta con 400 m2 de salas técnicas.
Para continuar fomentando a adaptación dos estudantes e titulados aos novos perfís demandados pola sociedade dixital, R Cable e Telecomunicacións segue a impulsar ata o mes de decembro a Cátedra interuniversitaria galega en ciberseguridade. Pola súa banda, Altia repite este novo curso con Altia FP Dual, Altia Staging e Altia Tech Day, tres iniciativas que teñen por obxectivo común impulsar o talento especializado en tecnoloxías avanzadas entre o alumnado universitario e de Formación Profesional.
Doutra banda, chega a Galicia o XGN R Encounter, un evento no que os e as entusiastas das novas tecnoloxías poderán desfrutar dunha fin de semana de obradoiros, conferencias, concursos e outras actividades relacionadas coa arte dixital, os videoxogos, o software libre e as novas tendencias tecnolóxicas.
Ademais, desta volta, o Plan DigiTalent ven de reforzar as actuacións dirixidas aos e-líderes, expertos e profesionais do panorama tecnolóxico coa posta en marcha da Formación en Blockchain en colaboración co CPEIG e a celebración de Iuristicgal 2022 impulsada polo CPETIG, un espazo de encontro e networking dos profesionais do dereito que nesta XI edición realizará unha retrospectiva da última década co obxectivo de reflexionar sobre o presente e futuro da administración de xustiza e os desafíos xurídicos do novo mundo dixital.
O Plan DigiTalent ten por obxectivo reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento dixital en Galicia. Co foco posto na atracción e retención dos perfís STEAM, a Amtega segue a traballar no Portal Retorna Dixital, un espazo que recolle as ofertas de emprego do sector TIC de Galicia ofrecendo aos galegos e galegas retornados ou no exterior oportunidades para desenvolver a súa carreira profesional na nosa terra.
Consulta toda a información e detalles para participar nesta e outras iniciativas do catálogo do Plan no espazo web DigTtalent.