Os obradoiros de robótica de TechKids chegan esta semana a Oroso e Fisterra

Data: 
Mar, 30/07/2019 - 08:30
MBot.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) están a xuntar forzas, novamente, para ofrecer á comunidade de estudantes da nosa terra un verán plenamente tecnolóxico: divulgación e lecer para facer abrollar as moitas capacidades creativas que levan dentro. Con este motivo, organizan estes meses de verán (de xullo a setembro) un completo programa (TechKids) de xornadas de robótica, pilotaxe de drons, creación de apps e videoxogos e animación 3D. Esta semana ábrese coas actividades de robótica de Oroso (luns 29) e Fisterra (martes 30). Será nas aulas CeMIT das dúas localidades.

Os mozos e mozas interesados en participar nestas xornadas deben inscribirse na Aula CeMIT da súa localidade. TeckKids, para quen non o saiba, abéirase ao Plan Digitalent da axencia AMTEGA, e está destinado a fomentar o interese pola ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade galega. Respecto do obradoiro Robótica para tod@s, que é o que se celebra en Oroso e Fisterra (en ámbolos casos en horario de 10.00 a 14.00 horas), mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta os resultados dun xeito diferente”. 

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variables e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras. Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido á máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis a AMTEGA. Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.