O CPETIG e a Xunta visibilizan o papel das mulleres tecnológas no documental ”Marxe de erro”

Data: 
Mar, 26/10/2021 - 14:30
Momento do evento.

  • Presentouse hoxe no Centro GaiásTech no marco do Programa DigiTalent para poñer en valor a necesidade da presenza feminina nas carreiras tecnolóxicas e impulsar as vocacións femininas neste eido
  • Actualmente só o 30,4% das persoas empregadas no sector TiC son mulleres
  • É un sector cunha ampla demanda de perfís especializados e cun alto índice de emprego
  • Preto do 84% dos titulados galegos en carreiras STEM está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os estudos

O centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación do documental Marxe de erro, no que se amosa o perfil profesional de cinco mulleres tecnólogas. A iniciativa, enmárcase na colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través do Plan DigiTalent para promover as vocacións tecnolóxicas femininas.

Na presentación participaron a directora da Amtega, Mar Pereira; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. Ao encontro estaban convidados, tamén, alumnos de bacharelato STEMbach de centros educativos de toda Galicia.

30% de mulleres no sector TIC

Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) sinalan que só o 30,4% dos traballadores do sector TIC galego son mulleres. Ademais, só o 14,7% desenvolve tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,3% dos homes e a porcentaxe de empresas TIC galegas que conta con mulleres en postos de dirección sitúase no 14,3%.

A directora da Amtega sinalou que é evidente que queda camiño por percorrer para reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, ávido de novos especialistas e con moitas posibilidades profesionais. Lembrou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 contempla a promoción do talento dixital como un eixo transversal que, por suposto, ten entre os seus obxectivos a redución da fenda de xénero nas carreiras STEM e como consecuencia no sector tecnolóxico.

Preto do 75% das persoas tituladas STEM traballa en Galicia

Ademais Pereira apuntou algunhas cifras relativas ao emprego dos titulados en carreiras STEM en Galicia como que oito de cada dez egresados volvería a cursar a mesma titulación; que o 83,6% está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os seus estudos e que o 74,8% das persoas tituladas STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia. 

A directora da Amtega destacou que en Galicia “queremos promover e reter talento para afrontar os desafíos da transición dixital. O talento non ten xénero e non podemos permitir que ningunha vocación quede polo camiño” 

Iniciativas como a de hoxe visibilizan e difunden referentes e por iso Mar Pereira quixo agradecer especialmente a colaboración de Berta Candendo, Susana Ladra; Susana Gómez, Verónica Bolón e Silvia Piñeiro, as profesionais que participaron no documental Marxe de erro.

Breve perfil das participantes en Marxe de erro

Berta Candendo Santos é lider da área de contidos dixitais en Netex Learning, compañía especializada en axudar a empresas e institucións educativas a afrontar o reto das estratexias de aprendizaxe na nova era dixital.

Susana Ladra González compaxina a súa labor como profesora da Facultade de informática na Universidade da Coruña ca investigación en proxectos de bioinformática relacionados ca COVID-19 e con proxectos de microbioloxía relacionados co cancro.

Susana Gómez Carnero foi durante 10 anos mestra do Departamento de Informática na Escola Superior de Enxeñería Informática de Ourense (UVigo). Creadora de Origami Soluciones, axencia centrada no desenvolvemento de software a medida e no marketing dixital. Directora executiva de BNI, a maior rede de networking do mundo.

Verónica Bolón Canedo é profesora na Facultade de informática na Universidade da Coruña. Leva 12 anos investigando no campo da Intelixencia artificial, Traballa para achegar a tecnoloxía ás necesidades sociais e mellorar o benestar das persoas.

Silvia Piñeiro Fernández traballa no mundo do Business Inteligence e do Big Data, construíndo software para automatizar tarefas e ferramentas de modo que os datos sexan máis sinxelos de entender nas empresas, e máis doados de introducir nos sistemas, por parte dos usuarios. Actualmente está realizando un Máster en Deseño e Desenvolvemento de Videoxogos.