Mar Capeáns convidou ás rapazas a participar plenamente nos cambios TIC que nos agardan

Data: 
Mar, 15/10/2019 - 08:30
Mar Capeáns.

Onte celebrouse unha nova actividade do programa Girl STEM, o programa divulgativo de AGASOL e AMTEGA para mostrar ao mundo as importantes contribucións das mulleres ao ámbito científico-tecnolóxico (ao tempo que se espertan vocacións entre as novas xeracións da nosa terra). A actividade deste luns correu a cargo de Mar Capeáns, científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear), quen se xuntou no pazo da Cultura de Pontevedra co alumnado (250 rapazas e rapaces) do IES de Chapela, do CPI Toural de Vilaboa, do IES Plurilingüe Anton Losada Diéguez da Estrada, e dos IES A Xunqueira I e II.

Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Mar Capeáns botouse a desmontar os prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Amais, explicou á rapazada o traballo que desenvolve no CERN, o laboratorio mundial onde colaboran científicas e científicos de todo o mundo en investigacións arredor da enerxía nuclear e o acelerador de partículas que, segundo precisou, “é un anel de 10.000 imáns super-condutores de 27 km de lonxitude a 100 metros baixo terra”. Capeáns sinalou que “para alcanzar retos científicos necesitamos desenvolver moita tecnoloxía e para realizar ese traballo son necesarios perfís de diversas enxeñerías en diferentes ámbitos”. Ao fío disto, relatou o proceso do descubrimento do Bosón de Higgs, cualificándoo como “un dos achados máis importantes da física actual, un paso histórico para a humanidade, co que puidemos demostrar que non existe o baleiro no universo e que foi posible grazas á colaboración de miles de científicos e científicas traballando en equipo”.

Amais, convidou ás/aos estudantes “a participar dos cambios tecnolóxicos que nos agardan nun futuro moi próximo” e achegoulles consellos para descubrir cadanseus talentos, desenvolver unha visión propia sobre cada proxecto, defender o seu espazo e dicir sempre si a cada reto que se lles presente. Durante a súa intervención, Capeáns avogou por “construír un liderado feminino porque as mulleres podemos achegar á ciencia a nosa visión e o noso xeito de facer as cousas” e engadiu que é de lamentar o feito de que “só un 20% das persoas que traballan no CERN sexan mulleres”, unha porcentaxe moi semellante “á que atopamos no resto de institucións científicas e universidades arredor dos ámbitos científicos e tecnolóxicos”. Segundo fixo saber, “cando investimos en mulleres e lles damos oportunidades, os resultados son espectaculares, así que temos que ser xenerosas e inspiradoras para que outras se acheguen a estas profesións”

Coa charla de onte quíxose contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola AMTEGA.

Quen é Mar Capeáns

Científica senior no CERN (Consello Europeo para a Investigación da Enerxía Nuclear) en Xenebra, Suíza, Mar Capeáns é doutora en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe un MBA en Xestión de proxectos tecnolóxicos pola École Polytechnique Fédérale e Universidade de Lausanne (Suíza). Incorporouse ao CERN en 1992, para realizar o seu mestrado e doutoramento no grupo de desenvolvemento de detectores de Georges Charpak, premio Nobel de Física ese mesmo ano.

Tras seis anos traballando en proxectos de I+D para atopar as tecnoloxías de detección apropiadas para os experimentos do Large Hadron Collider ( LHC), en 1998 únese ao laboratorio Deutsches Elektronen- Synchrotron (DESY) en Alemaña e participa no deseño, a construción e posta a punto do detector do experimento HERA-B. No ano 2000 regresa ao CERN e en 2001 incorpórase como membro do persoal científico do CERN ao experimento ATLAS do LHC, onde desenvolve a súa actividade no deseño e construción do detector. Experta no deseño e construción de detectores de partículas e a xestión de grandes proxectos tecnolóxicos, lidera o grupo de Tecnoloxía de Detectores do CERN desde 2012 ata 2017. En 2017 a Doutora Capeáns lidera o grupo de xestión de proxectos do Departamento de Tecnoloxía do CERN. En 2019 é nomeada coordinadora técnica para liderar as melloras tecnolóxicas do experimento CMS para HL-LHC, a futura fase do proxecto LHC. A doutora Capeáns publicou máis de 450 artigos científicos no eido da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST), e serviu como asesora en consellos científicos e na avaliación de financiamento competitivo de programas de física de partículas para programas da Comisión Europea e tamén en proxectos internacionais.