Lanzamento das Charlas DigiTalent nos centros educativos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través da colaboración de grandes empresas do sector achegará a partir de marzo aos centros educativos unha oferta de charlas co obxectivo de mellorar a visión e percepción que o alumnado ten do mundo TIC.
O alumnado dos centros interesados terá a oportunidade de recibir unha charla da man de profesionais do sector TIC para coñecer a súa experiencia e proxectos baixo temáticas vinculadas ás novas tendencias dixitais como a Intelixencia Artificial, o Blockchain, a Ciencia do dato ou a Ciberseguridade, entre outras.
Desde o 28/02/2020 ata o 06/03/2020 os centros educativos poden inscribirse nas charlas nas que estean interesados consultando a listaxe de charlas ofertadas polas empresas colaboradoras e a temática das mesmas, coa finalidade de promover no seu centro o atractivo vocacional das carreiras STEM.
Desenvolvemento da actividade
- Os centros educativos interesados poden solicitar a inscrición en ata 3 charlas distintas a través do formulario habilitado para a inscrición, para recibir nas súas instalacións os obradoiros.
- As prazas dispoñibles asignaranse aplicando o resultado dun sorteo que se realizará unha vez rematado o prazo de inscrición tendo en conta as opcións sinaladas no formulario.
- A continuación, serán as empresas as que se poñan en contacto cos centros educativos para concretar a data e o horario da charla a través do número de teléfono indicado no formulario, sendo o período de celebración dos obradoiros desde marzo ata xuño de 2020.
- No caso de resultar necesario contar con autorizacións asinadas polos pais/nais/titores legais será o centro educativo o encargado da xestión.
Na web de DigiTalent está dispoñible todo o detalle da actuación así como o formulario de inscrición para os centros educativos interesados.