A iniciativa Girl STEM do plan de talento dixital ofrece o vindeiro 19 de outubro un encontro coa directora xeral da multinacional Red Hat

Data: 
Mér, 17/10/2018 - 13:30
Girl STEM.

  • Julia Bernal é máxima responsable para España e Portugal desta empresa, líder global no sector do software libre e código aberto
  • A sesión terá lugar na Fundación Barrié da Coruña a partir das 12 da mañá
  • Girl STEM quere contribuír a reducir a fenda de xénero nos estudos do eido tecnolóxico
  • O Plan DigiTalent 2020 ofrece ata finais de ano máis de 80 actividades para reforzar o atractivo vocacional das profesións TIC entre os máis novos

 

A directora xeral de Red Hat para España e Portugal, Julia Bernal, considerada unha das máis importantes directivas españolas, participará o vindeiro 19 de outubro no programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', una das iniciativas  do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

Girl STEM, que se desenvolve en colaboración con Agasol, ofrece o vindeiro venres na Coruña unha nova sesión, que terá lugar na Fundación Barrié, entre as 12:00 e as 13:30 h. Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Julia Bernal contará a súa propia experiencia e falará sobre fenda de xénero, ademais de desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas. Posteriormente, abrirase un espazo para preguntas e o debate con rapazas e rapaces procedentes de diversos centros de ensino da Coruña.

Con esta iniciativa, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%.
 

Julia Bernal

É a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017 (foi a primeira muller en ocupar este cargo na compañía en España). Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle.

Debido ao seu cargo en Red Hat no mercado ibérico, é unha das directivas máis importantes de España (candidata a entrar no ranking Top 100 Mulleres Líderes 2018). A compañía norteamericana é a maior empresa provedora de solucións de código aberto (open source) empresarial do mundo, cun valor en Bolsa superior aos 25.000 millóns de dólares e uns ingresos anuais de case 3.000 millóns (a única organización do seu sector que alcanza esa cifra).
 

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega ofrece ata finais de ano máis de 80 actividades para achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos máis novos e reforzar o atractivo vocacional das profesións neste eido a través de talleres lúdico-formativos, sesións de mentorado charlas ou accións informativas; nas que se implicará tamén ao seu círculo máis próximo (pais/nais, avós/avoas, titores, etc.)

DigiTalent busca reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral. Para avanzar neste obxectivo DigiTalent contempla 30 iniciativas en tres eixos de actuación: impulsar as vocacións STEM, promover a adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de E-líders para a transformación dixital.