DigiCraft, o programa de docencia online da Fundación Vodafone, chegou aos 72.000 usuarios

A Fundación Vodafone fixo balance este luns da actividade xerada a través da nova fase do seu programa educativo DigiCratf, a iniciativa da operadora para favorecer a educación dixital entre a poboación máis nova. O programa, que ten unha notable presenza na nosa terra a través do acordo da fundación coa axencia AMTEGA, desenvolveu esta tempada un papel crucial no activismo contra a fenda dixital. En concreto, intensificou as actividades desenvolvidas con Cruz Vermella Mocidade e Save the Children e conseguiu chegar á cifra dos 72.000 usuarios. Deles, 57.000 creáronse dende o cese das clases o 11 de marzo.
DigiCraft é o primeiro programa educativo creado en España para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na nenez e a mocidade, pondo a disposición das crianzas de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a Intelixencia Artificial, a Realidade Aumentada ou o Deseño 3D dunha forma “fácil e divertida”. Entre as novidades postas en marcha nesta nova fase do programa para axudar aos nenos e nenas máis novas a adaptarse á sociedade dixital e ver todas as súas posibilidades, a fundación salientou o Reto DigiCraft Online en Galicia, que se complementou con sesións de formación a profesores e profesoras para o desenvolvemento de actividades de forma colaborativa.
En traballo conxunto coa Xunta de Galicia (a través de AMTEGA), a Fundación Vodafone adaptou unha das actividades que tiña até agora no seu programa de formación presencial para facela online. Así, indica a entidade, “compartimos cos profesores e profesoras dos 50 centros escolares participantes no programa DigiCraft un novo reto online para realizar co seu alumnado de forma colaborativa”. Seguindo este fío, a Fundación Vodafone levará a cabo unha sesión de formación cos docentes para axudarlles a organizar as actividades en remoto. Os colexios terán un prazo de 2 semanas para enviar unha proposta e o centro gañador recibirá novos recursos para continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas.
Outra das propostas destacadas foi a Iniciativa DigiCraft infancia vulnerable: reforzo escolar en tempos de confinamento realizado en colaboración con Save the Children e Cruz Vermella Mocidade. A Fundación Vodafone proporcionou aos educadores e educadoras destas organizacións un vídeo titorial con instrucións para que todos os nenos e nenas poidan traballar desde as súas casas no deseño dun castelo en 3D. Teñen un prazo de 10-15 días para realizalo e publicar o seu deseño. O próximo 21 de maio realizarase unha sesión online en directo para presentar os mellores traballos e seleccionar aos gañadores dun kit DigiCraft, que inclúe diversos materiais tecnolóxicos para seguir desenvolvendo as súas competencias dixitais desde casa.