Coremain compartiu a súa experiencia TIC con estudantes de Santiago, Pontevedra, Cambre e A Estrada

Data: 
Mar, 14/01/2020 - 12:30
Estudantes na sede de Coremain.

Co novo ano colleu impulso a terceira edición do programa Tecnólog@ por un día, que brinda a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar “en primeira persoa” unha xornada laboral con profesionais de empresas do sector TIC en Galicia (desta volta ofrécense 74 prazas). Ao abeiro da iniciativa, unha das accións de DigiTalent da axencia autonómica AMTEGA, xa se están a organizar visitas a 12 empresas galegas ou con importante presenza en Galicia. Entre elas atópase Coremain, que vén de achegarnos á realidade da súa experiencia cos vindeiros profesionais tecnolóxicos da nosa terra, unha experiencia na que recunca Coremain logo da súa participación nas anteriores edicións de Tecnólog@ por un día.

Segundo informa a empresa con sede principal en Santiago, no Polígono de Costa Vella, as visitas están a permitir aos profesionais da área de BPO compartir e resolver as inquietudes dos estudantes dos centros educativos de Santiago (Colexio Manuel Peleteiro e IES Rosalía de Castro), Pontevedra (Frei Martín Sarmiento), Cambre (IES David Buján) e A Estrada (IES Manuel García Barros), que visitaron nas últimas semanas as dependencias da empresa, compartindo un interese común por descubrir o funcionamento interno dunha compañía tecnolóxica como é Coremain. Ao longo das visitas os profesionais da empresa tiveron a oportunidade de facer abrollar, moitos por vez primeira, cadansúas facetas docentes.

Polo que se refire aos estudantes, mostraron especial interese en comprender a aplicación da programación nunha contorna real, os usos prácticos de linguaxes como Java ou Python ou as metodoloxías para a creación de macros Macrotest. Tamén quixeron afondar no proceso de concepción dun robot, que puideron experimentar en primeira persoa a través dalgúns dos proxectos en marcha de Coremain e dunha actividade práctica e moi dinámica na que se lles propuxo desenvolver un automatismo desde cero. Os estudantes participantes na experiencia aproximáronse ademais ao desenvolvemento de software e as distintas fases que implica este proceso, así como as metodoloxías máis empregadas nesta área.