XVII edición do Premio ao mellor Traballo Universitario Libre
Impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e/ou en colaboración con outros organismos
Galardón de recoñecemento a Traballos de Fin de Grao e Mestrado desenvolvidos con software e/ou hardware libre.
Nova convocatoria do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, que ten como meta o fomento e o achegamento da mocidade universitaria galega ao software libre, incrementando o coñecemento que esta teña sobre este tipo de tecnoloxías e abríndolle as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación.
O estudantado interesado en presentarse como candidato ao premio contará con materiais de apoio especialmente elaborados para servir de guía na adecuación do seu proxecto aos criterios de valoración da convocatoria, que non son outros que os que definen a filosofía do software libre.
O Premio ao mellor traballo universitario libre terá unha dotación económica para o traballo gañador de 1.500 €.
Como novidade, a partires de este ano, o segundo premio pasa a denominarse «Premio Especial Alejo Pacín Jul», en memoria do enxeñeiro, activista do software libre con GPUL e tradutor de software; e contará cunha dotación de 750 €.
- Datas de inscrición: Ata o 6 de setembro de 2024
- Acto de resolución do premio: Venres 20 de setembro de 2024, en horario de tarde
Esta actividade encádrase no convenio de colaboración para o apoio ás actividades en materia de Software Libre asinado entre Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG) e a Amtega.
Estudantes do Sistema Universitario Galego (SUG) que teñan presentado o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) ou Traballo de Fin de Mestrado (TFM) cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias do ano académico 2023/24.