VII Scratch Day
Impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e/ou en colaboración con outros organismos.
Actividade lúdico-formativa onde rapaces e rapazas, pais, nais e docentes poderán achegarse á programación coa tecnoloxía Scratch.
Nova edición do Scratch Day, unha iniciativa que achega dun xeito lúdico e práctico a linguaxe de programación Scratch aos máis novos e novas, co obxectivo de espertar e impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas na infancia e a adolescencia.
O Scratch Day configúrase como unha xornada intensiva de carácter dinámico e interactivo, orientada a divulgar os valores da programación informática entre rapaces e rapazas de 6 a 16 anos e as súas familias, así como docentes interesados en incorporar o Scratch á contorna académica para incentivar e fomentar a creatividade, a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas dende a escola.
Durante a xornada, realizarase unha introdución a Scratch e ao desenvolvemento de videoxogos, así como unha introdución ás tarxetas Microbit para aprender a programar de xeito sinxelo. Como novidade para esta edición, incorporase o uso das placas Microbit para música.
O programa do evento conta con actuacións específicas para familias e docentes, que se desenvolverán de xeito simultáneo:
- Rapaces de 6 a 16 anos, acompañados dos seus pais, nais ou titores: Celebrarase un Scape Room final que permitirá poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a xornada, fomentando a interacción entre os participantes para expresar ideas de xeito colaborativo.
- Profesorado e responsables dos centros interesados en introducir Scratch na docencia: Impartirase un obradoiro formativo para o deseño de unidades didácticas de contido curricular e de traballo transversal con esta tecnoloxía. A sesión incluirá exemplos de proxectos a introducir nas aulas, como estacións meteorolóxicas e medidores de CO2 desenvoltos con Microbit.
- Datas de inscrición: ata o 29 de setembro de 2022
- Data de celebración: 1 de outubro de 2022
Esta actividade encádrase no convenio de colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Amtega.
Nenos e nenas de 6 a 16 anos, pais, nais e docentes