Tech Kids on line: Ciberseguranza Kids

Impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Xornadas de divulgación sobre ciberseguridade para nenos e nenas mediante actividades nun formato altamente participativo.
 

Obxectivos: 
Fomentar e reforzar unha cultura de ciberseguridade dende idades temperás.
En qué consiste: 

O programa Ciberseguranza Kids é unha iniciativa da Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) que ten por obxectivo achegar aos máis novos e novas os valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet, coa divulgación da ciberseguridade entre os máis pequenos. 

No marco deste programa, visitaranse diferentes centros de ensino localizados ao longo da xeografía galega nos que se desenvolverán sesións presenciais en formato contacontos, dotando á actividade dun carácter dinámico que invite aos nenos e nenas a participar. 

Nas sesións mesturaranse a narración coa ilustración, creando unha historia na que dun xeito lúdico se informe ao alumnado sobre a ciberseguridade e os perigos da rede. Logo, celebrarase unha “rolda de prensa” na que se dará resposta ás preguntas do alumnado sobre esta temática. A xornada rematará cun obradoiro de debuxo no que, seguindo as indicacións do ilustrador, os nenos e nenas terán a oportunidade de realizar un debuxo guiado.

  • Datas de celebración: Do 13 ao 25 de outubro.
    • 13 de outubro: CEIP de Arcediago e CEIP Antas de Ulla.
    • 14 de outubro: CEIP Álvarez Limeses e CEIP Amor Ruibal.
    • 15 de outubro: CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e centros educativos de Ribadavia a través da Biblioteca.
    • 18 de outubro: CPI Doctor López Suarez, CEIP Virxe da Luz e CEIP Plurilingüe Lagostelle.
    • 20 de outubro: CEIP de Zas.
    • 21 de outubro: CEIP Plurilingüe de Frións, CPI de Progreso e CPI Julia Becerra Malvar.
    • 25 de outubro: CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro e Colexio Plurilingüe Luis Vives.

As actividades completaranse coa difusión e publicación de vídeos específicos con contido en materia de ciberseguridade para a súa difusión permanente, e acompañaranse coa publicación do conto “Ciberseguridade con Sofía” empregado nas sesións en formato dixital. 

Ciberseguridade con Sofía
Con este conto ilustrado, nenos e nenas poderán acompañar a Sofía na resolución das súas inquedanzas para desfrutar da informática e da rede dun xeito seguro e identificar os perigos e riscos que poden darse nesta contorna dixital.

A través desta historia, compártense cos máis pequenos e pequenas consellos e recomendacións básicas para un uso responsable da identidade en Internet, a publicación de imaxes en redes sociais, a xestión de contrasinais ou a identificación de noticias falsas; ao tempo que se difunden valores esenciais de comportamento no ciberespazo: sentidiño, respecto e empatía.

A versión dixital do conto pode descargarse na seguinte ligazón.

Esta actividade encádrase no convenio de colaboración entre o  Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Amtega.

Iniciativas impulsadas pola Amtega e/ou en colaboración con outras organizacións
Estado: 
Pechado
Lugar de celebración: 
Centros educativos
A quen vai dirixido: 

Nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Idade mínima: 
3
Idade máxima: 
12
Datas: 
Do 13/10/2021 - 09:00 ata o 25/10/2021 - 20:00
Arquivos: 
AnexoTamaño
PDF icon Ciberseguridade con Sofía6.92 MB