Premio ao mellor traballo universitario con licenza libre

Impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e/ou en colaboración con outros organismos

Galardón de recoñecemento a Traballos de Fin de Grao e Mestrado desenvolvidos con software e/ou hardware libre.

Obxectivos: 
Fomentar o achegamento do software libre á mocidade galega, incrementar os coñecementos do estudantado universitario sobre este tipo de tecnoloxías e impulsar as posibilidades de emprego de calidade vencellados ás tecnoloxías da información e a comunicación.
En qué consiste: 

Nova convocatoria do Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, que ten como meta o fomento e o achegamento da mocidade universitaria galega ao software libre, incrementando o coñecemento que esta teña sobre este tipo de tecnoloxías e abríndolle as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación.

Esta actuación contará con xornadas de difusión do premio entre a comunidade universitaria nas tres universidades galegas, nas que ademais se darán a coñecer as vantaxes que o software libre achega á carreira profesional do alumnado. 

O estudantado interesado en presentarse como candidato ao premio contará con materiais de apoio especialmente elaborados para servir de guía na adecuación do seu proxecto aos criterios de valoración da convocatoria, que non son outros que os que definen a filosofía do software libre. 

  • Datas de inscrición: Ata o 6 de outubro de 2023
  • Evento da fase final: 20 de outubro de 2023, nas instalacións do GaiásTech

Esta actividade encádrase no convenio de colaboración para o apoio ás actividades en materia de Software Libre asinado entre Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG) e a Amtega.
 

Iniciativas impulsadas pola Amtega e/ou en colaboración con outras organizacións
Estado: 
Pechado
Lugar de celebración: 
Centro GaiásTech
A quen vai dirixido: 

Estudantes do Sistema Universitario Galego (SUG) que teñan presentado o seu Traballo de Fin de Grao (TFG) ou Traballo de Fin de Mestrado (TFM) no curso académico 2022/23.

Datas: 
Do 27/06/2023 - 09:00 ata o 20/10/2023 - 20:00