A Xunta recoñece cos premios do Super Reto Digicraft a alumnado dos colexios Corvillón, de Cambados, e Vista Hermosa, de Ourense

Data: 
Mar, 22/06/2021 - 13:00
Cartel da iniciativa.

  • O alumnado e os profesores de 3º e 6º curso elaboraron murais tecnolóxicos interactivos nos que describen como consideran que debe ser o colexio do futuro
  • O Super Reto está enmarcado en DigiCraft, o programa de competencias dixitais para a infancia e a mocidade da Fundación Vodafone, e está aliñado coas actuacións do DigiTalent, EduDixital e a Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia
  • Na última convocatoria de DigiCraft participaron máis de 300 colexios de España, dos que máis de 100 son de Galicia, con máis de 8.000 escolares da nosa Comunidade implicados
  • A Xunta desenvolve programas para o fomento das vocacións STEM, como o TechKids, encontros con profesionais, promoción da ciberseguridade e actuacións específicas para reducir a fenda de xénero

A directora da a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira; o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, José Luis Mira, e a directora xeral da Fundación Vodafone, Gloria Placer, entregaron esta mañá os premios do Super Reto DigiCraft a alumnado dos colexios Corvillón, de Cambados e Vista Hermosa, de Ourense.

O Super Reto é un evento enmarcado no programa DigiCraft de competencias dixitais de Fundación Vodafone dirixido a nenos e nenas das comunidades autónomas de Galicia, Madrid e Andalucía. Na presente edición foron convocados arredor de 300 colexios, dos que máis de 100 eran de Galicia, onde participaron máis de 8.000 escolares. Na actualidade está en marcha unha nova convocatoria para o curso 2021-2022 na que entrarán 50 novos centros educativos galegos, cuns 2.500 nenos e nenas e 150 profesores e profesoras.

O alumnado, xunto co profesorado, realizou a través da colaboración un mural interactivo que reflicte a súa idea de como será o colexio no futuro. O obxectivo do programa DigiCraft é o de presentar ás aulas como un itinerario formativo que pretende espertar no alumnado o interese polo mundo dixital.

Na súa presentación, os escolares amosaron as posibilidades de interacción co mural a través dunha tablet e un dispositivo “Makey Makey” que permite converter calquera superficie en teclado ou rato para transmitir instrucións ao ordenador.

O curso de 3º do CEIP Corvillón de Cambados presentou un mural no que explicou que o colexio do futuro debería dispoñer dun “aula de croma e gravación”, robótica e “maxia” tecnolóxica, realidade virtual e videoxogos e un obradoiro de reciclaxe e ecoloxía. Por esta proposta resultaron gañadores de Galicia na categoría de 6 a 8 anos.

Pola súa parte, o alumnado do curso 6º do CEIP Vista Hermosa de Ourense construíu una mesa de “pinball” na que os escolares utilizaron tecnoloxía de impresión dixital e empregaron materiais reciclados, como tapóns de botellas. A súa idea do colexio do futuro é un centro autosuficiente dende o punto de vista enerxético; que teña a disposición mapas de realidade virtual e holografías para aprender conceptos, viaxar ao espazo, mergullarse no mar ou ver museos e que use a robótica. Con este traballo resultaron gañadores na categoría de 9 a 12 anos.

O fomento das vocacións en áreas de coñecemento STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) forma parte do modelo educativo e de transformación dixital en Galicia a través de programas como o Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent; a Estratexia Galega para a Educación Dixital, EduDixital, ou a propia Estratexia Galicia Dixital 2030.

Durante o acto de entrega dos premios, a directora da Amtega, Mar Pereira, salientou que o DigiTalent desenvolve accións dirixidas ao alumnado de Galicia, como os programas TechKids, ou Ciberseguranza Kids, xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría de Informática, ou encontros dos escolares con profesionais das áreas tecnolóxicas.

Mar Pereira lembrou que as mulleres representan soamente o 16,8 por cento do alumnado en enxeñarías tecnolóxicas e o 38,5 por cento en enxeñarías STEM, cando son o 55,2 por cento do total do alumnado do Sistema Universitario de Galicia.
Neste sentido, destacou que DigiTalent desenvolve tamén accións como o programa Girl STEAM, para motivar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado feminino, ou o programa Mática de obradoiros para alumnas do rural.

A Amtega desenvolve outras accións para fomentar as vocacións STEM, como campamentos de verán sobre o manexo e voo de aeronaves non tripuladas, programación de robots, creación de vídeos mediante videomaping ou edición de videoxogos.
Pola súa banda, o programa EduDixital permitiu a implicación de máis de 12.000 escolares en actuacións sobre competencias STEM, o despregamento de máis de 750 kits de robótica, programación e impresión 3D, a posta en marcha de 167 contratos programa para mellorar a competencia STEM e o desenvolvemento de 12.000 horas de formación nas que participaron máis de 8.800 docentes.

En canto a transformación dixital do sistema educativo, a Xunta ten en marcha o Plan Edu100 que permitiu xa a dotación con fibra óptica de 1Gbps e renovación dos servidores do 100% dos colexios públicos; a extensión da wifi a todos os espazos docentes; a dotación de portátiles para o alumnado en risco de exclusión; e permitirá antes de 2023 a extensión a todo o alumnado entre primeiro de primaria das aulas dixitais; a extensión do libro dixital Edixgal ao 70 por cento do alumnado entre 5º de Primaria e 4º da ESO e a dotación de equipamentos PC e portátiles ao profesorado e ciclos formativos. En total, estas actuacións implicarán un investimento de 134,6 millóns de euros.