A Xunta pon en marcha a X edición do Programa Scratch Day, que achega a programación a nenos e nenas de 7 a 15 anos

- As actividades comezan o 20 de setembro e desenvolveranse ata outubro en aulas da Rede CeMIT de 4 concellos galegos e na Sala Eisenman da Cidade da Cultura
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), a X edición do Programa Scratch Day. Esta iniciativa cumpre unha década contribuíndo a derrubar mitos sobre a programación informática e fomentando as vocacións no ámbito STEAM desde idades temperás.
O programa, dirixido a rapazada de entre 7 e 15, desenvolverase entre os meses de setembro e outubro, con xornadas formativas en aulas CeMIT de 4 concellos galegos: Tui, A Cañiza, A Coruña e Cuntis.
A xornada final do programa terá lugar o 18 de outubro celebrarase na Sala Einsenman da Cidade da Cultura, durante a cal tamén se celebrará, en paralelo. unha actividade formativa específica para profesorado e formadores de centros de ensinanza. O obxectivo desta formación é mostrarlles aos profesionais do ensino as vantaxes de traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, coa que se incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas, entre outros valores.
Contidos do programa
Os rapaces e rapazas que participen no programa desenvolverán a súa actividade en dúas fases, na primeira, introduciranse nos videoxogos con Scratch, aprendendo a mover, lanzar e interacionar con obxectos e crearán un videoxogo básico. A continuación, realizarase unha introdución ao uso de MicroBit con Scratch e levarase a cabo a montaxe dun semáforo, alumeado automatizado e adestrarase un modelo propio de machine learning empregando Scratch para coñecer as orixes da IA que se empregan na actualidade.