A XUNTA PON EN MARCHA A DÉCIMO QUINTA EDICIÓN DE TECNÓLOG@ POR UN DÍA PARA ACHEGAR AO ALUMNADO GALEGO ÁS PROFESIÓNS DIXITAIS

Data: 
Mar, 13/10/2026 - 13:00

  • O alumnado de entre 12 e 17 anos poderá presentar a súa solicitude, a través do profesorado dos seus centros educativos, ata o 3 de novembro
  • Entre novembro e decembro a Amtega e as empresas tecnolóxicas que colaboran co programa acollerán durante unha xornada inmersiva ao alumnado participante, que terán a oportunidade de ser Tecnólog@s por un día
  • A iniciativa, integrada no Plan DigiTalent 2030, busca espertar vocacións STEAM e achegar a mocidade aos novos perfís profesionais do ámbito dixital

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que alcanza este ano a súa décimo quinta edición. A iniciativa permitirá que estudantes de secundaria e bacharelato coñezan desde dentro o día a día dunha organización tecnolóxica, acompañando durante unha xornada a profesionais da Amtega ou dalgunha das empresas TIC de Galicia participantes.

 

A iniciativa está dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos e combina unha aproximación práctica ao ámbito tecnolóxico co contacto directo con persoas que desenvolven a súa carreira profesional neste sector. A través das visitas, o alumnado poderá descubrir como funcionan os centros de traballo, coñecer proxectos reais e achegarse ás ferramentas, capacidades e coñecementos vinculados ás novas profesións dixitais.

 

Deste xeito, Tecnólog@ por un día busca contribuír ao fomento das vocacións STEAM e ampliar o coñecemento da mocidade sobre as oportunidades profesionais relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, facilitándolle ademais un espazo no que resolver dúbidas e coñecer de primeira man diferentes perfís dixitais.

 

A iniciativa intégrase no catálogo de actuacións do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, orientado ao impulso da inclusión, a capacitación e o talento dixital en Galicia. En concreto, enmárcase no seu terceiro eixe estratéxico, que reúne iniciativas destinadas a promover as vocacións desde idades temperás e favorecer o desenvolvemento de talento dixital avanzado en Galicia.

Nesta edición, ofértanse 63 prazas para participar en visitas ao Centro GaiásTech ou ás instalacións das empresas tecnolóxicas colaboradoras: Altia, Bahía Software, DXC Technology, NTT DATA e Quobis.

 

Os centros educativos serán peza fundamental para a participación dos rapaces e rapazas

A participación realizarase a través dos centros educativos. O persoal docente será o encargado de tramitar a inscrición dos alumnos e alumnas interesados en participar no programa, cun prazo aberto ata o 3 de novembro.

 

O formulario de inscrición estará dispoñible no espazo dedicado a Tecnólog@ por un día na web DigiTalent, xunto coa documentación necesaria. Para formalizar a solicitude deberá achegarse tamén a autorización de participación asinada polos pais, nais ou titores/as responsables do alumnado.

A mesma páxina reúne a información de referencia da iniciativa para docentes, estudantes e profesionais das entidades colaboradoras, incluídas as instrucións de participación e a relación das prazas dispoñibles, que poderán seleccionarse atendendo ás preferencias, á idade ou á localización do alumnado.

 

Visitas ás instalacións cunha perspectiva práctica e inspiradora

Durante a primeira semana de novembro terá lugar no Edificio CINC da Cidade da Cultura o sorteo público para a asignación das prazas e a elaboración da listaxe de reserva. A partir do 6 de novembro, docentes e empresas recibirán por correo electrónico o resultado do proceso e a información necesaria para organizar as visitas.

 

Posteriormente, a Amtega e as entidades colaboradoras coordinarán co alumnado seleccionado a data e o horario de cada xornada. As visitas desenvolveranse entre o 9 de novembro e o 18 de decembro.

 

Durante as sesións, os rapaces e rapazas poderán achegarse ao funcionamento real dunha contorna profesional e participar en distintas dinámicas propias da actividade diaria dos profesionais voluntarios, entre elas reunións de equipo ou comidas de traballo.

 

A información sobre esta iniciativa e sobre outras actuacións destinadas á infancia e á adolescencia, así como as instrucións de participación, pode consultarse na web DigiTalent.