A Xunta impulsa a XI edición do Programa Scratch Day para achegar a programación a nenos e nenas de 7 a 15 anos

- As actividades arrancan mañá e desenvolveranse ata outubro en aulas da Rede CeMIT de 4 concellos galegos e na Sala de Convencións do Edificio CINC da Cidade da Cultura
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), poñen en marcha mañá, venres 11 de setembro, a XI edición do Programa Scratch Day. A iniciativa achega a programación informática a nenos e nenas dun xeito accesible e contribúe a espertar o interese polas disciplinas STEAM desde idades temperás.
O programa, dirixido a rapazada de entre 7 e 15 acompañados dun adulto, desenvolverase entre os meses de setembro e outubro, con xornadas formativas en aulas CeMIT de 4 concellos galegos.
Contidos do programa
Os rapaces e rapazas que participen no programa desenvolverán a súa actividade en dúas fases, na primeira, introduciranse nos videoxogos tipo Arcade con MakeCode. A continuación, desenvolveranse diferentes actividades prácticas de robótica. Nunha primeira montaxe, traballarase coa combinación de engrenaxes para modificar a velocidade e, nunha segunda actividade, levarase a cabo a construción dun vehículo intelixente.
A sesión de peche do programa celebrarase o 10 de outubro na Sala de Convencións do Edifici CINC da Cidade da Cultura. Nela porase o broche final a esta edición do Scratch Day, centrada en achegar a programación á rapazada e fomentar o desenvolvemento de competencias como a creatividade, o pensamento lóxico e a capacidade para resolver problemas.
Inscrición e calendario de actividades
O prazo de inscrición está aberto e pode realizarse a través de portal da rede CeMIT. Os rapaces e rapazas que queiran participar deben ir acompañados ás xornadas dun adulto.