A Xunta e as tres universidades galegas ofrecen 50 bolsas para facilitar a incorporación de perfís non tecnoloxicos ao sector TIC

- Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura
- Este mes de outubro iniciarase a comunicación co sector tecnolóxico para que as empresas interesadas poidan adherirse ao proxecto
- No mes de xaneiro, tras a selección das empresas, abrirase a convocatoria aos estudantes interesados en acceder a estas bolsas
- É unha das iniciativas Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais
Na era da robótica, a intelixencia artificial e a economía do dato, as organizacións non só demandan perfís tecnolóxicos para poñer en marcha novos avances, tamén necesitan especialistas en humanidades, ciencias da saúde e ciencias sociais e xurídicas, dende filósofos ata avogados que acheguen unha visión ética do negocio.
Neste contexto, a Xunta pon en marcha as Bolsas DigiTalent con 50 prazas para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre o sectores TIC e non TIC. Esta actuación articúlase a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).
Adhesión das entidades colaboradoras
Este mes de outubro iniciarase a comunicación co sector tecnolóxico para que as empresas interesadas poidan adherirse ao proxecto. Na fase de selección de empresas, as entidades poderán expresar as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros respondendo así ás súas necesidades.
A través desta actuación contribuirase a que as empresas tecnolóxicas poidan acceder a unha canteira de talento que contribúa a cubrir vacantes de postos caracterizados pola confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento.
Convocatoria a estudantes
Unha vez seleccionadas as empresas, a previsión é que no mes de xaneiro se abra a convocatoria para que aqueles alumnos e alumnas que cumpran cos requisitos de acceso poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.
Serán un total de 50 bolsas destinadas a estudantes de últimos cursos das áreas de coñecemento seguintes: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura. Os interesados en acceder a estas axudas deberán estar matriculados en calquera das tres universidades galegas e ter superado o 75% dos créditos.
Os bolseiros DigiTalent recibirán formación teórico-práctica por un período de tres meses en empresas do sector tecnolóxico que estean a desenvolver proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como BigData, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións Cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, economía colaborativa ou wearables. Estas prácticas non laborais terán una duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.
Plan DigiTalent
Estas bolsas enmárcanse no Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega para potenciar as vocacións STEM desde idades temperás, promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais á demanda de novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional na economía dixital.
No marco dos seus tres eixos, neste curso 2019/2020 desenvolveranse un total de 37 actuacións, 18 delas orientadas á impulsar as vocacións científico-técnicas entre o mais novos; outras 13 orientadas a impulsar novos perfís dixitais; e as 6 restantes están orientadas a formar a perfís directivos para liderar a transformación dixital da súa empresa.
Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, ofrece información actualizada (datas, localizacións e instrucións para a participación) sobre as actuacións.