A Xunta abre a inscrición da oitava edición de Tecnólog@ por un día e do Programa Mentoring FP

Data: 
Mér, 08/03/2023 - 08:45
Tecnólg@ por un día.

  • Tecnólog@ por un día conta con máis de 50 prazas para rapaces e rapazas de 12 a 17 anos, que durante abril e maio poderán visitar algunha das empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa e as instalacións do GaiásTech
  • A primeira edición do Programa Mentoring FP estréase este mes de marzo con ata 18 prazas dirixidas a distintos niveis de ramas de coñecemento da Formación Profesional para identificar saídas profesionais vinculadas ao sector tecnolóxico
  • Estas iniciativas forman parte do catálogo de actividades do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións dixitais

A Xunta pon en marcha dúas das iniciativas do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións tecnolóxicas. Por un banda ábrese o prazo de inscrición da oitava edición de Tecnoólog@ por un día e por outra lánzase a primeira edición do Programa Mentoring FP.

Ata o 28 de marzo estará aberto o prazo de Tecnólog@ por un día, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con sector TIC, para ofrecer ao alumnado de secundaria e bacharelato a oportunidade de visitar durante unha xornada o centro de traballo dalgunha das empresas que colaboran coa iniciativa.

Este ano hai 57 prazas dispoñibles para visitar durante os meses de abril e maio as instalacións das empresas tecnolóxicas colaboradoras ou o Centro GaiásTech da Amtega. A través de Tecnólog@ por un día rapaces e rapazas de 12 a 17 anos poden achegaranse a proxectos reais das empresas tecnolóxicas, entrar en contacto coas profesións dixitais  e resolver as súas inquedanzas sobre as profesións STEAM.

Toda a información na web DigiTalent

O formulario de inscrición está dispoñible no espazo de Tecnólog@ por un día na web DigiTalent. Neste espazo docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras poden ademais atopar para a consulta e a descarga toda a documentación de referencia sobre esta actividade, así como as instrucións para participar e a listaxe de prazas dispoñibles ás que o alumnado poderá optar segundo a súa preferencia, grupo de idade ou localización.

Visitas ás instalacións cunha perspectiva práctica

Tras a finalización do período de inscrición, celebrarase un sorteo público para a asignación das prazas e a listaxe de reservas. A partir do 11 de abril, docentes e empresas recibirán no seu enderezo electrónico as comunicacións co resultado do sorteo e os pasos a seguir.

Desde este momento, as empresas colaboradoras: Altia, DOS ESPACIOS, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Televés, Vodafone e a propia Amtega, comezarán a contactar co alumnado para fixar a data e o horario das visitas nas que os rapaces e rapazas poderán participar en tarefas propias da xornada laboral como formar parte das reunións de equipo, das comidas de traballo ou facer visitas aos clientes.

Programa Mentoring FP

Ademais, ata o 16 de marzo estará aberta a convocatoria de Mentoring FP 2022-2023, unha iniciativa froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao abeiro do programa Eduemprende e do Plan DigiTalent 2030.

O obxectivo do Programa é titorizar e acompañar ao alumando de Formación Profesional dos ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización para identificar saídas profesionais adaptadas ao perfil de cada estudante e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como a posta en marcha dun proxecto emprendedor.

O Programa conta con 18 prazas que permitirán ao alumnado participante seguir un Plan de Mentoring personalizado e definido polo persoal experto que asumirá o rol de mentor dos alumnos en cada unha das grandes empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa: Altia, DXC Technology, Inetum e NTT Data.

Todos os detalles destas e doutras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar atópanse en constante actualización na web DigiTalent.