Xornadas de robótica e pilotaxe de drons en Celanova

Data: 
Mar, 03/09/2019 - 12:45
MBot.

  • O taller de robótica celebrarase o venres, día 6, na aula Cemit de Celanova

A aula Cemit de Celanova acollerá unha das sesións das xornadas de novas tecnoloxías organizadas polo Colexio Oficial de Enxeñería en Informática (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega). As sesións, centradas en robótica, pilotaxe de drons, creación de aplicacións, videoxogos e animación 3D, chegarán á vila este venres, día 6, co título "Robótica para tod@s". 

O taller ensinará aos mozos como programar un robot mesturando algoritmos e linguaxes co funcionamento das distintas máquinas. Destinada a mozos de entre 9 e 16 anos, esta iniciativa ten como obxectivo achegar a programación electrónica dunha forma entretida, facendo que os participantes interactúen co mundo real a través dos sensores e actuadores dun robot. 

Para iso, usarán o Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas necesarias para superar mini retos cos que o alumno aprenderá un algoritmo diferente de programación. Un deses retos consistirá na superación dun circuíto de competición. 

O taller de robótica forma parte do programa "TechKids", que chegará tamén aos municipios de Arzúa, Moaña, Abegondo, Fonsagrada, San Sadurniño e O Porriño.