A primeira edición do Plan de promoción do talento dixital de Galicia, contará con 30 iniciativas para o impulso de perfís profesionais dixitais

Data: 
Xov, 04/10/2018 - 16:45
Plan de promoción do talento dixital de Galicia.

  • Feijóo sinala que o obxectivo é reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral
  • Destaca que serán tres os eixos de actuación: o impulso das vocacións STEM, a promoción da adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de E-líders para a transformación dixital


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha da 1ª edición do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia co obxectivo de reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral.

Segundo sinalou o presidente, o dito plan engloba 30 iniciativas con máis de 2.500 prazas en tres eixos de actuación: o impulso das vocacións STEM, a promoción da adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de E-líders para a transformación dixital.

Con respecto ao primeiro eixo, Feijóo explicou que é necesario fomentar o atractivo vocacional das profesións científico-tecnolóxicas entre os máis mozos e mozas dado que, aínda que a metade do alumnado cursa no bacharelato a rama de ciencia e tecnoloxía, a meirande parte deles non se matricula posteriormente en carreiras STEM.
Será a través do impulso de doce iniciativas, entre as que figura, por exemplo, a oportunidade de que os rapaces experimenten en primeira persoa a xornada laboral dun destes profesionais.

No caso do segundo eixo, DigiTalent, dixo, contemplará ata 9 actuacións diferentes para ofertar capacitación continua aos profesionais e adaptación ás demandas do mercado laboral. Levaranse a cabo, destacou, accións formativas e de asesoramento como o programa de becas Áncora, sesións divulgativas ou un Observatorio Tecnolóxico.

Finalmente, o terceiro eixo responderá a necesidade de facilitar aos perfís directivos a formación e sensibilización que precisan para liderar a transformación dixital das súas empresas a través da xeración de ideas innovadoras.

En definitiva, un plan para promover talentos dixitais en Galicia e para promover que a cidadanía conte coas capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no ámbito dixital. Para tal fin, concluíu, contaremos con estas iniciativas e tamén co apoio dos axentes económicos, 12 empresas que xa se adheriron en 2013 ao Pacto Dixital da Xunta, engadiu.