Os gañadores dos concursos da Estratexia Dixital 2030 explican como ven a Galicia do futuro

Data: 
Mér, 22/07/2020 - 10:00
Gañadores dos concursos.

A AMTEGA vén de publicar na súa web o vídeo no que os seis gañadores dos concursos de microrrelatos e debuxos da Estratexia Dixital de Galicia 2030, explican como ven a Galicia do futuro e como a plasman nos seus traballos. Este vídeo realizouse como recoñecemento aos seus traballos, ante a imposibilidade de celebrar o acto de entrega dos premios (unha tableta) por mor da crise sanitaria.

A través destes certames, nos que participaron máis de 300 rapaces e rapazas, quíxose recoller a achega dos máis novos a elaboración desta folla de ruta para a vindeira década, unha estratexia en proceso de elaboración na que están a colaborar axentes económicos e sociais, académicos e tamén os galegos do futuro, rapaces e rapazas de 5 a 18 anos .

Concurso de debuxo Captura a sociedade dixital!

Neste certame debuxo, no que participaron 213 alumnos e alumnas de Educación Primaria, de entre 5 e 12 anos, resultaron gañadoras tres composicións que representan as necesidades, novos hábitos e solucións que as novas tendencias dixitais poden proporcionar á nosa sociedade.

  • O robot do monte, de Iago Álvarez do CEIP As Nogais, mostra o pensamento do autor sobre o futuro próximo ligado a como a robótica pode axudar a defender os montes galegos e preservalos.
  • A cura contra o cancro de Noa Digón do CEIP San Xoán, describe o desexo de que aquí a 10 anos exista unha máquina que cure completamente esta enfermidade.
  • Galicia en Marte de Naiara Veiga do CEIP As Nogais, reflicte o viaxe dun robot no seu foguete Nagala10, que plantará a bandeira de Galicia en Marte.

Concurso de microrrelatos Viaxe ao 2030

No concurso de microrrelatos, no que participaron 120 estudantes de ESO ou Bacharelato, de entre 11 e 18 anos, resultaron gañadoras tres obras que mostran como os avances tecnolóxicos e o uso das TIC poden mellorar o noso día a día.

  • Bo día Uxía de Antía Otero do IES Antonio Fraguas Fraguas, describe como unha rapaza interactúa cun obxecto inanimado que lle fai a vida máis sinxela, indicándolle o clima en tempo real, preparándolle a comida ou reservando unha viaxe de forma inmediata.
  • Corazón Robot de Iria Araújo do CPR Sagrado Corazón Celanova, mostra como unha muller cun transplante experimenta unha mestura de medo e alegría por poder continuar a súa vida gracias ao seu novo corazón de metal.
  • Tan lonxe, tan preto de Breixo Antelo do IES Campo de San Alberto, trata sobre un enxeñeiro que describe as vantaxes dos avances tecnolóxicos para a sociedade no ano 2030 como a diminución da contaminación ou a mellora no sistema sanitario, por exemplo.