O plan Digitalent 2030 comeza o segundo trimestre do ano con máis dunha decena de iniciativas destinadas a fomentar o talento precoz e a especialización tecnolóxica

Data: 
Sáb, 22/04/2023 - 15:45
Cartel da iniciativa.

  • Entre abril e xuño están convocadas diferentes actividades para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos e para achegar os perfís dixitais a estudantes universitarios e de Formación profesional
  • Charlas divulgativas, concursos, visitas e novas iniciativas como DXCPinchos&Datos ou os TFGs solidarios impulsado por NTT Data, integran a oferta deste trimestre
  • Tecnólog@ por un día está a celebrar a súa oitava edición posibilitando a rapazas e rapaces de 12 a 16 anos a oportunidade de compartir unha xornada de traballo en empresas TIC

O “Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, inicia o segundo trimestre do ano con trece iniciativas en marcha destinadas ao fomento das vocacións temperás e do talento dixital avanzado.

O catálogo de actividades de DigiTalent, que se pode consultar na web DigiTalent, conta coa colaboración das entidades do Pacto Dixital de Galicia, que manteñen o seu compromiso co impulso do talento tecnolóxico na comunidade.

As trece actividades, que se desenvolven entre abril e xuño, están aglutinadas en dúas liñas de actuación. Por unha banda, DigiClan reúne as actividades dirixidas a espertar, motivar a potenciar as vocacións STEAM desde idades temperás, estimulando as destrezas e capacidades tecnolóxicas dos máis pequenos a través de actividades en formatos dinámicos cunha perspectiva lúdico-formativa. Por outra banda, están as actividades dirixidas a aumentar a xeración, retención e atracción de talento tecnolóxico especializado, unidas baixo o epígrafe DigiLeaders.

DigiClan: Talento precoz no ámbito dixital

Entre as actividades destinadas aos máis novos, tamén está a oitava edición do Programa Programa Tecnólog@ por un díaunha actividade que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar unha xornada inmersiva nas empresas do sector tecnolóxico galego que colaboran nesta iniciativa.

Ademais, continúa a cuarta edición GenTech, que achega ao alumnado de bacharelato a relevancia das profesións dixitais e as oportunidades laborais que ofrece o sector TIC, da man de profesionais da tecnolóxica Altia. A empresa continúa a ofrecer aos centros escolares galegos a oportunidade de visitar as instalacións do seu Data Center.

A estas iniciativas súmanse ata o mes de maio DXC Iberia Codes e Charlas DigiTalent DXC, dúas actuacións impulsadas por DXC Technology e dirixidas a centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato. Coas súas Charlas DigiTalent, DXC introduce ao alumnado nas novas tendencias dixitais dende a experiencia dos seus profesionais.

Doutra banda, a través de DXC Iberia Codes, achéganse a nenos e nenas de 5º de primaria a 4º curso de secundaria as disciplinas STEM a través dun concurso de programación no que compiten en parellas na creación dun videoxogo baseado en Tecnoloxía "Scratch".

DigiLeaders: Talento especializado

Nesta outra liña, a Axencia autonómica e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades están a impulsar Mentoring FPunha iniciativa que busca titorizar e acompañar ao alumando dos ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización da Formación Profesional na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil.

Neste mesmo eido da Formación Profesional, Altia FP Dual ofrece estancias formativas na empresa. Doutra banda, no ámbito universitario esta mesma empresa ten activas Altia Staging e Altia Tech Day, dúas iniciativas enfocadas a fomentar o talento especializado do estudantado en tecnoloxías avanzadas.

Tamén continúa activo o Observatorio DXC, un programa de DXC Technology que conta con liñas de asesoramento especializado, prácticas titorizadas e a oportunidade realizar Traballos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados, dirixidas ao alumnado universitario que está a cursar disciplinas técnicas. No marco do Observatorio celébrase tamén a VI edición do premio DXC para o recoñecemento do mellor Traballo Fin de Mestrado e Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.

Como novidade este 2022/2023, DXC pon en marcha a iniciativa DXC Pinchos&Datos, un encontro que se celebrará no mes de maio en Santiago de Compostela con charlas sobre novas tendencias tecnolóxicas, impartidas por expertos da universidade, a empresa e o sector público nun formato distendido.  

Por último, en colaboración con HackABoss, NTT Data ten en marcha o Bootcamp Data Science, un curso de formación intensivo no eido da predición, análise e interpretación de datos para a optimización na toma de decisións no eido empresarial.

Ademais, NTT Data continúa a impulsar durante estre trimestre os seus TFGs solidarios no marco da Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía en colaboración coa Universidade de A Coruña, que teñen por obxectivo ofrecer a oportunidade aos alumnados de Enxeñaría Informática de realizar Traballos de Fin de Grao con impacto e valor social, da man de organizacións sen ánimo de lucro.