O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Amtega organizan un espazo de debate no que se abordará o concepto de xemelgo dixital, a réplica virtual dun produto ou servizo

Data: 
Ven, 24/09/2021 - 08:45
Logo Tres14.pm.

  • Contarase coa presenza de Manuel Meijide, director da compañía ILUX Visual Technologies, este venres no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan este venres, 24 de setembro, un espazo de networking e debate chamado tres14.pm. Celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.

Este programa difundirase desde o centro GaiásTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación co resto da economía galega na procura dunha competitividade duradeira e xerando espazos de integración e inclusión dixital e de desenvolvemento persoal do noso talento dixital. O programa conta con espazos de networking, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico no que reflectirán, en catorce minutos, tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes. 

O relator desta xornada será Manuel Meijide, director da compañía ILUX Visual Technologies. Impartirá unha conferencia titulada “O xemelgo dixital como impulsor da transformación dixital na industria”. Meijide explica que un Xemelgo Dixital (Digital Twin) é unha representación dixital dun contorno ou proceso físico, réplicas virtuais que se empregan para simular a realidade e o seu comportamento en determinadas circunstancias. Sinala tamén que, máis alá dun mero modelo tridimensional, o xemelgo dixital combina unha representación co Big Data, Cloud Computing, IoT, Machine Learning ou Intelixencia Artificial para conseguir unha copia completa e en tempo real dun determinado contorno ou proceso físico cunhas características e estado concretos.

A través desta copia virtual, Meijide sinala que é posible unha análise exhaustiva da información, así como experimentar sen correr riscos, algo moi beneficioso por exemplo en procesos de fabricación. Ademais, dado que o xemelgo dixital simula o comportamento do seu homólogo físico, este último pódese monitorizar, analizar, automatizar e mesmo predicir o seu comportamento, en definitiva, mellorar. “Os xemelgos manexan, monitorizan e tratan información masiva e integran multitude de sistemas, conectando diferentes tipos de datos para crear unha única visualización para xestionar todo o proxecto representado” –asegura–.

Actualmente, Meijide destaca que os xemelgos dixitais son de aplicación en multitude de sectores e todo tipo de empresas. O seu ámbito de aplicación asóciase á transformación dixital da empresa, xa que con eles é posible realizar un control dos sistemas para reducir as incidencias, previr tempos de inactividade, planificar tarefas e diferentes escenarios e probalos mediante simulacións ou acelerar procesos, todo isto en tempo real.

Este programa forma parte dunha ampla axenda que a Amtega está a promover desde o centro Gaiástech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo ao portal dixital www.gaiastech.xunta.gal.

Máis información da actividade e inscricións