Mundos Digitales achegará a mocidade os secretos da animación 3D e os videoxogos cun obradoiro de balde

Data: 
Lun, 08/07/2019 - 09:15
Cartel de Kids & Teens Lab.

A XVIII edición de Mundos Digitales terá lugar entre os días 11 e 13 na Coruña, e a xeito de anticipo o vindeiro mércores na sede de Afundación celébrase un obradoiro xuvenil organizado en colaboración co CPEIG no que se achegará a rapaces de máis de 14 anos os segredos da creación da animación 3D e os videoxogos. Esta actividade, encadrada no programa TechKids do CPEIG e a AMTEGA, desenvolverase de 16:00 a 19:00 horas e será completamente de balde.

Os participantes no Kids & Teens Lab coñecerán os trucos e métodos precisos para a creación de personaxes de animación 3D e efectos visuais feitos por ordenador. Aprenderán como se crean os personaxes virtuais, a animación 3D ou os efectos dixitais que vemos en películas a través de exemplos reais de efectos visuais de todo tipo, pasando pola animación, a publicidade, o cine e o mundo dos videoxogos. Os interesados en participar teñen que remitir o seu formulario de inscrición por correo electrónico a info@mundosdigitales.org.