Beatriz Martínez, enxeñeira de Red Hat, participa este venres en Lugo ao abeiro de Girl STEM

Data: 
Ven, 11/10/2019 - 10:45
Beatriz Martínez.

Beatriz Martínez, enxeñeira do equipo Solutions Architets da multinacional tecnolóxica Red Hat profesional especializada en crear sistemas para xestionar nubes de almacenamento de datos, será a protagonista do programa de actividades de Girl STEM este venres 11 de outubro. En virtude da súa participación no programa, impulsado por AGASOL e AMTEGA para derrubar muros en materia de vocacións TIC femininas, Beatriz Martínez falará ante o alumnado de Lugo a partir das 11.30, na sede de Afundación en Lugo (o 16 da praza Maior). Participarán mozas e mozos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato do IES Gregorio Fernández de Sarria e o CPI Ramón Piñeiro de Lugo.

Tras unha breve presentación a conta de Nía Maneiro, educadora e socióloga experta en xénero, Beatriz Martínez lanzarase a desmontar prexuízos sobre a relación entre as mulleres e as profesións científico-tecnolóxicas, achegando datos e exemplos inspiradores. Logo, abrirase un espazo para preguntas e o debate coas rapazas e rapaces dos institutos convocados.

Con esta iniciativa conxunta entre AGASOL e AMTEGA, quérese contribuír a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa tan só o 25%. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola dita axencia.

Quen é Beatriz Martínez

Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de Red Hat para apoiar as áreas de Cloud e Infraestrutura, traballando con sistemas de almacenamento de datos para grandes empresas en todo o mundo. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, en diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os retos e necesidades arredor de distintos ámbitos relacionados coa enxeñería das telecomunicacións, tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.