Até 40 rapaces participan nos campamentos tecnolóxicos Digitalia que se celebran en Gandarío

Un total de 40 rapaces e rapazas de entre 13 e 14 anos están a participar esta semana nos campamentos tecnolóxicos Digitalia, unha das actividades da campaña de verán 2020 da Xunta, que leva por nome O verán que necesitas. Desde o pasado día 30 e ata o vindeiro 6 de setembro o Albergue Xuvenil de Gandarío dá acubillo (un ano máis) a este campamento cuxo programa de actividades encamíñase a facilitar habilidades dixitais e diversión para as novas xeracións.
Digitalia ofrece tres actividades tecnolóxicas: o videomaping, na que os rapaces aprenderán a compoñer vídeos e crear as súas propias animacións; manexo de drons, que lles permitirá adquirir os coñecementos necesarios para crear, controlar e voar drons; e robótica, que lles achegará aos principios tecnolóxicos para a construción, funcionamento e control de robots sinxelos.
Ademais desta formación sobre o mundo dixital, os participantes poderán desfrutar con outro tipo de actividades de ocio e lecer na praia e no mar como a vela, kaiak, snorkel ou paddle surf, entre outras.
Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Xunta, que pretende por unha banda poñer en valor as capacidades e empregos dixitais e, pola outra, estimular o talento precoz no ámbito TIC e fomentar o atractivo das profesións científico-tecnolóxicas entre a poboación máis nova.