A Amtega lanza a versión JUNIOR do programa Tecnólog@ por un día para nenos e nenas de 12 a 14 anos

- O prazo de inscricións permanecerá aberto desde o vindeiro luns 19 de abril ata o 28 de abril
- Esta edición desenvolverase grazas á colaboración de profesionais voluntarios de seis empresas TIC galegas
- Ata 30 estudantes poderán participar en distintas sesións online nun formato áxil e dinámico para achegarse ás profesións dixitais
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) activa a partir do luns 19 de abril o programa Tecnólogo por un día JUNIOR dirixido a estudantes de 12 a 14 anos. Os nenos e nenas interesados en participar poderán inscribirse ata o vindeiro 28 de abril desde os centros educativos, a través do persoal docente.
Sesións online áxiles e dinámicas
No momento da inscrición, o alumnado poderá elixir as súas preferencias entre as 30 prazas dispoñibles e as asignacións realizaranse posteriormente aplicando o resultado dun sorteo. Serán as empresas as que contacten co alumnado posteriormente para concretar as datas e os horarios das sesións que se desenvolverán ao longo do mes de maio.
Nesta ocasión, colaboran no programa profesionais voluntarios de seis empresas TIC galegas: Dos Espacios, Inetum, Satec, Sivsa, Sixtema e Tecalis; que desenvolverán distintas sesións online nun formato áxil e dinámico para achegar as profesións dixitais ás persoas máis novas.
Nesta quenda acolleranse ata 30 participantes, que poderán somerxerse a través das distintas sesións online na realidade destes traballos e adentrarse nos proxectos, ferramentas e/ou coñecementos que empregan as persoas que traballan no sector no seu no día a día; resolver dúbidas vocacionais que poidan plantexarse; ou coñecer cales son as capacidades que demandan as empresas neste eido.
No espazo web do programa atópase dispoñible toda a información, así como o modelo de autorización necesario para participar na actividade: https://digitalent.xunta.gal/gl/node/691.