A Amtega e o CPETIG abre as inscricións para o “VII Scratch Day” que achegará de forma divertida e sinxela á linguaxe de programación ao entorno académico

Data: 
Xov, 15/09/2022 - 09:15
Cartel da actividade.

  • O sábado 1 de outubro a Cidade da Cultura acollerá unha nova edición do programa destinado a espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas nos escolares galegos
  • O coñecemento colaborativo centrará esta xornada intensiva para alumnos/as de 6 a 16 anos, entorno familiar e profesorado

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), grazas ao convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), desenvolverá unha nova edición do programa Scratch Day.

A VII edición desta iniciativa, enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia —Plan DigiTalent—, está orientada a divulgar os valores da programación informática para espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas no ámbito da educación STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics; Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñeira e Matemáticas) desde idades temperás.

Esta nova xornada de aprendizaxe e diversión, que se celebrará o vindeiro 1 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1), está destinada a rapazada de entre 6 e 16 anos e os seus pais ou nais, así como o profesorado ou responsables dos centros interesados en introducir o Scratch na docencia.

Estes dous grandes grupos participarán, de forma simultánea, en programas deseñados especificamente para coñecer a linguaxe de programación Scratch —creada polo MIT para iniciarse dunha forma sinxela neste ámbito— dunha forma didáctica, práctica e interactiva.

Ademais de facerse unha introdución ao Scratch a través de diferentes accións levadas a cabo de forma práctica (movemento, lanzamento e interacción de obxectos) e co desenvolvemento dun videoxogo, nesta edición tamén se fará unha introdución ao Microbit —unha pequena tarxeta deseñada para aprender a programar de forma fácil e divertida— sendo a novidade desta VII edición do Scratch Day o uso das placas Microbit para música.

Para os alumnos, a xornada terminará cunha actividade práctica, en formato Scape Room, na que poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos sobre o Scratch, Microbit e o Cubo Merge, así como recoñecer o potencial destas ferramentas para interactuar e expresar ideas de forma colaborativa.

Pola súa banda o profesorado, ademais de coñecer os mesmos aspectos que os alumnos e alumnas, aprenderá a deseñar unidades didácticas para contido curricular e como traballar de forma transversal con Scratch. De igual forma, verán exemplos de proxectos desenvolvidos con Microbit como estacións meteorolóxicas e medidores de CO2; ideas que poderán aplicar nas aulas.

Grazas a este obradoiro, o profesorado poderá descubrir de primeira man as vantaxes e potencialidades que aporta traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, ca que se incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas, entre outros valores.

Rexistro

O período de inscrición para o VII Scratch Day xa está aberto —ata o 29 de setembro— a través da ligazón http://scratchday.cpetig.gal.

Nesa mesma ligazón poderase ampliar información sobre todos os detalles do curso.