A Amtega e o CPEIG realizarán este ano preto de 50 actividades de impulso ás vocacións STEM e de formación especializada para profesionais TIC

Data: 
Xov, 02/05/2019 - 08:00
Tech Kids.

  • A segunda edición do Programa Tech Kids achegará a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos á creación de videoxogos, apps, á programación de drons ou á robótica
  • Ata 300 profesionais do ámbito TIC poderán acceder a cursos de especialización semipresenciais e de teleformación

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia continúa a desenvolver as medidas previstas na Axenda Dixital de Galicia 2020 en colaboración cos axentes do sector. Con este obxectivo, a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez, renovaron recentemente a cooperación que veñen mantendo nos últimos anos coa sinatura dun acordo con tres liñas de actuación, que se desenvolverán ao longo deste ano.

O convenio recolle a celebración da segunda edición do Programa Tech Kids, unha das actividades enmarcadas no Plan Digitalent da Amtega, que ten entre os seus obxectivos fomentar as vocacións STEM entre a mocidade galega.

Aplicación da tecnoloxía á vida real

Durante 2019 o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids distribuídas pola xeografía galega con diferentes desafíos temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.

A través destas actividades, rapazas e rapaces aplicarán conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real e potenciarán habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación.

Formación especializada

O CPEIG realizará tamén ata seis cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.

A Amtega achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.