A Amtega continúa a impulsar as vocacións tecnolóxicas e o talento especializado durante o terceiro trimestre do ano

Data: 
Sáb, 01/07/2023 - 09:00
Actividades do terceiro trimestre.

  • Contará coa colaboración e compromiso das empresas do sector TIC de Galicia implicadas co Plan DigiTalent 2030 e do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG)
  • De xullo a setembro desenvolverase un novo ciclo dos obradoiros Girl STEAM en 14 concellos galegos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia comeza o terceiro trimestre do ano con novas actuacións para o fomento do talento dixital na nosa comunidade durante o verán, ao abeiro do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o que contará un trimestre máis coa colaboración das empresas do sector TIC galego e, desta volta,  tamén co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).

Fomento do talento precoz no ámbito dixital

Co obxectivo de motivar e potenciar as vocacións STEAM entre os máis novos e novas e impulsar as capacidades tecnolóxicas dende idades temperás, a Axencia continúa a traballar para espertar o interese do alumnado nas novas tendencias tecnolóxicas e as profesións dixitais. 

Nesta liña, de xullo a setembro impulsará en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) unha nova edición do ciclo de obradoiros Girl STEAM, que percorrerá as aulas CeMIT de 14 concellos galegos e as instalacións do GaiásTech co obxectivo de visibilizar o rol da muller no eido dixital e impulsar os referentes femininos entre nenas e nenos. 

Doutra banda, e tamén en colaboración co CPETIG, á finais do período estival celebrarase o VIII Scratch Day, un evento de carácter familiar que achega dun xeito lúdico e dinámico os valores e nocións básicas da programación con Scratch aos nenos e nenas, que compartirán unha xornada de aprendizaxe cos seus pais ou titores. A iniciativa conta tamén con obradoiros destinados ao profesorado interesado en incorporar o Scratch na docencia, como ferramenta de fomento da creatividade e o emprendemento desde as aulas.

Impulso do talento especializado

No seu compromiso pola xeración, atracción e retención de especialistas capaces de aplicar as novas tendencias tecnolóxicas, a Amtega continúa a  liderar e impulsar xunto coas empresas colaboradoras do Pacto Dixital unha batería de actuacións especificamente enfocadas á fomentar a adaptación dos estudantes e titulados aos novos perfís dixitais demandados polo mercado laboral.

Así, continúase a desenvolver o Programa Mentoring FP, unha actuación en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e dirixida ao alumnado de Formación Profesional, no que o persoal experto das empresas colaboradoras titoriza e asesora aos participantes na identificación de saídas profesionais no ámbito científico-tecnolóxico ou na posta en marcha dun proxecto emprendedor, co obxectivo de potenciar as súas oportunidades de desenvolvemento profesional.

Ata o mes de setembro, DXC Technology continúa a impulsar o Observatorio DXC, un programa de asesoramento especializado ao alumnado universitario de disciplinas técnicas para realización de prácticas titorizadas, o desenvolvemento de proxectos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados e a celebración da VI edición do premio DXC ao mellor Traballo Fin de Mestrado en Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, NTT Data continúa a traballar en colaboración con HackABoss no Bootcamp Data Science, un curso intensivo de predición, análise e interpretación de datos para a optimización da toma de decisións. Séguese a desenvolver ademais a iniciativa dos TFGs solidarios, unha actuación enmarcada na Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía da Universidade de A Coruña que permite aos estudantes de Enxeñaría Informática desenvolver Traballos de Fin de Grao con impacto social que aporten valor á sociedade, a través de temáticas vencelladas ás necesidades tecnolóxicas de organizacións sen ánimo de lucro que colaboran coa iniciativa. 

Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.

Consulta o calendario de actuacións do terceiro trimestre de 2023 na seguinte infografía