Preto de 300 rapaces e rapazas participaron no programa de obradoiros de verán “Girl STEAM” para fomentar as vocacións TIC

Data: 
Sáb, 09/09/2023 - 14:30
Moza usando un modelo de moléculas.

  • A iniciativa, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, rematou esta semana tras celebrar 14 obradoiros na Rede CeMIT e dúas xornadas para incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM

O Centro GaiásTech da Cidade da Cultura acolleu onte e antonte as xornadas finais do ciclo de Obradoiros de verán “Girl STEAM” no que participación preto de 30 rapaces e rapazas. A esta cifra súmanse os máis de 260 rapaces e rapazas de entre 8 e 15 anos que participaron entre os meses de xullo, agosto e setembro nos obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 14 concellos de toda Galicia.

O programa, enmarcado no convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), comezou en xullo na aula CeMIT de San Sadurniño e continuou nas aulas de Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Celanova, Cuntis, Guitiriz, Valga, Barreiros, Ribadeo, Vigo, Santa Comba e Oroso.

Actividades

Os contidos dos obradoiros deseñáronse atendendo a dúas franxas de idade. Nos obradoiros de experimentación tecnolóxica, o alumnado de 8 a 11 anos elaborou pezas audiovisuais en formato ‘stop motion’ a partir dun circuíto de luces led creado por eles mesmos. Por outra banda, as actividades destinadas aos rapaces e rapazas de 12 a 15 anos, centráronse na creación de tecidos intelixentes, mediante a programación de sensores con arduino para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccionaba a cambios de distancia, luz, inclinación etc.

Impulsar as vocacións femininas nos eidos STEAM

Con estes obradoiros búscase impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas para espertar o seu interese nos estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito tecnolóxico.

No desenvolvemento dos obradoiros trasladáronse mensaxes relativos á igualdade, ao sentido crítico ante a tecnoloxía e ao uso creativo da mesma, á colaboración, ao traballo en equipo e á importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.