Girl STEM
Impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Programa para motivar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado feminino guiado por unha rede de profesionais de recoñecido prestixio.
A Amtega e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) desenvolven o Programa “Girl STEM”. O obxectivo desta iniciativa é orientar e empoderar ás rapazas con experiencias inspiradoras para animalas a escoller, se o desexan, titulacións STEM.
O programa inclúe seis conversas gravadas con mulleres referentes, que achegarán a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos. Ademais, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos estas pílulas audiovisuais acompañadas de fichas didácticas, coas biografías das mulleres entrevistadas, a explicación do seu traballo e os proxectos que están a desenvolver. As conversas publicaranse tamén nas canles da Amtega.
Tamén se inclúen temas clave ou áreas coas que ten relación o seu perfil, cunha proposta didáctica que aposta por desenvolver estes contidos desde unha perspectiva transversal e multidisciplinar, e que pretende abrir o debate nas aulas sobre a ausencia de referentes femininos; as desigualdades de xénero á hora de acceder a determinados traballos, carreiras e proxectos; e a importancia de considerar as carreiras STEM como unha opción de futuro na que as mulleres teñen que aumentar a súa participación dunha forma progresiva.
O ciclo de conversas con referentes en ciencia e tecnoloxía está dispoñible na seguinte ligazón: Girl STEM 2020
Alumnado de educación primaria, secundaria e bacharelato.